Sunday 05 de May de 2024

A Carreira da Muller regresa ás rúas da cidade este domingo con máis de 5.000 participantes inscritas


Inés Rey: “A Coruña é unha cidade comprometida e chea de mulleres valentes que loitan por moi distintas causas”

Este domingo a partir das 10.00 horas terá lugar unha nova edición da Carreira da Muller, que reunirá a máis de 5.000 participantes nunha mañá chea de actividades. A proba contará cun percorrido de 6,5 quilómetros e terá saída e meta xunto á explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, no Paseo Marítimo.

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a proba, nun acto ao que tamén asistiu o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. “A Coruña é unha cidade comprometida e chea de mulleres valentes que loitan por moi distintas causas”, sinalou a rexedora.

Tras a proba, todas as mulleres poderán sumarse ao festival de fitness e aeróbic dunha horade duración no aparcadoiro de Riazor, cos monitores de Termaria Casa da Auga, Ballet Fit e Zumba. Antes da saída, a ‘marea rosa’ renderalle homenaxe ás xogadoras do Deportivo da Coruña feminino, coincidindo coa creación este ano da boneca futbolista dentro do proxecto #MásQueUnaMuñeca de merchandising social, que son bonecas cosidas a man por mulleres vítimas de trata e explotación a través do obradoiro prelaboral do Proxecto Esperanza e Wanawake Mujer.

Trátase da sexta cita na Coruña do circuíto nacional do maior evento deportivo feminino en Europa, tras as probas de Gran Canaria, Valencia, Madrid, Victoria e Xixón antes da parada estival. O seu obxectivo é incorporar masivamente a muller á práctica deportiva unindo solidariedade e loita contra o cancro de mama, e reivindicando o papel das mulleres e das deportistas na sociedade.

Ademais, haberá animación da man de DJ Javito na zona de meta, e actividades como Aerotono, Zoa, BalletFit, e unha sesión de “Latino”. De novo, haberá unha exposición onde as rexistradas poderán recoller a camiseta oficial e o dorsal, e terá lugar este venres 22 de setembro de 16.00 a 20.00 horas, e mañá, sábado 23, 10.00 a 14.00, e de 16.00 a 20.00 horas en Palexco.

Unha cita solidaria

O lado solidario é moi importante para a Carreira da Muller, e a final de ano realizarase unhaachega final  do circuíto á Asociación Española Contra o Cancro de 75.000 euros. Como novidade este ano ao facer a inscrición tamén se dá a opción de doarlles directamente a cantidade extra que se queira e seguirase apoiando economicamente a tres fundacións centradas en protexer as mulleres en distintos ámbitos: Wanawake Mujer, Fundación GEICAM e Clara Campoamor.

Ademais, na Coruña hai a posibilidade de adquirir ata 50 dorsais 100% solidarios a favor da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia ACADAR, unha entidade que promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade. Outro dos patrocinadores, Zurich Seguros, achegará un euro por cada muller que cruce a meta a favor de ACADAR.

No caso desta cita galega de setembro, as participantes tamén poden colaborar, dentro da campaña +SOLIDARIAS, coa Fundación REDMADRE de apoio a mulleres embarazadas (redmadre.es). A Carreira da Muller tamén axuda a visibilizar a loita contra a violencia de xénero. Todas as participantes levarán o mesmo dorsal, o 016, o número de atención telefónico de atención a vítimas da violencia de xénero, e que non deixa ningunha pegada na factura telefónica.

Neste 2023 a Asociación Española de Cancro de Mama Metastásico tamén está presente en
todas as cidades onde se desenvolve a Carreira da Muller. O movemento #laMquefalta, chama á acción a cidadáns, empresas e institucións para visibilizar o estadio metastásico do cancro de mama e concienciar a sociedade sobre esta enfermidade. Con este movemento quérese incidir especialmente nas súas características, como abordalo e as necesidades dos pacientes con cancro de mama metastásico que afecta cada ano a máis persoas.